Monday 20 de May de 2024

A Policía Local imparte xornadas de seguridade viaria na que participan maís de 800 alumnos dos tres colexios


Os nenos reciben formación sobre sinalización viaria, realizan os circuítos e coñecen os vehículos e material a disposición dos efectivos da Policía Local.

Os máis de 800 alumnos de educación infantil e primaria dos CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión participan nesta semana nos propios centros de ensino nunhas xornadas de Seguridade Viaria impartidas pola Policía Local da Laracha.

A actividade, que está a ter unha excelente acollida nas comunidades educativas, é organizada polo Concello no marco do Plan Local de Infancia e Adolescencia coa finalidade de formar aos participantes en aspectos básicos de seguridade viaria que lles serán de utilidade nas súas vidas cotiás ao desprazarse a pé ou en calquera medio de transporte.

As sesións constan de tres partes diferenciadas, que se van realizando en grupos reducidos para axilizar o seu desenvolvemento. En primeiro lugar, reciben formación sobre sinalización viaria, explicándolles o significado dos indicadores máis habituais nas estradas. A continuación realizan percorridos polo circuíto en karts a pedais (simbolizando aos vehículos a motor) e patinetes, guiados en todo momento por efectivos da Policía Local e de Protección Civil para facerlles cumprir a sinalización e a normativa de tráfico. Na terceira fase da xornada convídaselles a coñecer os vehículos da Policía Local e todo o seu material, así como a facer preguntas aos axentes para resolver todas as dúbidas sobre o labor que desenvolven.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, acudiron hoxe ao CEIP Otero Pedrayo para interesarse polo desenvolvemento destas xornadas.
O Concello da Laracha mostra o seu agradecemento ao Concello de Narón pola colaboración que permitiu a realización desta iniciativa.

Deja un comentario